Cabuxa

Cabuxa no outono. Unha volta ás orixe

O outono é o recordo desas tardes de xogos, de paseos facendo crepitar as follas douradas camiño á escola, de katiuskas, lapis novos e bocata de chocolate :). O outono é infancia, é o recordo de pequenas estampas que nos empuxan a recuperar esa curiosidade por descubrir.

Como se dun esperado ritual se tratase, o obradoiro Cabuxa retoma a efervescencia das nosas orixes coa chegada de escolares dos centros educativos. Co comezo do curso, visítannos grupos de alumnos para coñecer o mundo da artesanía en pel cunha emoción, bulicio e curiosidade desbordante, ¡e altamente contaxiosa! Colegios como o CEP de Caldelas (Tui) contactan con nós para organizar visitas didácticas nas que, coa asistencia dos seus profesores, os rapaces descubren o proceso de deseño e creación artesanal de bolsos e complementos en pel, as ferramentas e as técnicas tradicionais do oficio. É unha experiencia formidable observar como, despois dun primeiro contacto, comeza a fluír a imaxinación destes pequenos aprendices que se animan a trenzar as súas propias pulseiras de pel descubrindo así novas formas de crear e expresarse.

Desde Cabuxa estamos encantados de colaborar no fomento de valores que nos identifican como marca: a tradición artesá, a paixón polo auténtico e un profundo respecto polo medio ambiente. Por iso moitas destas visitas ao obradoiro complétanse cun paseo guiado polo noso horto particular, unha contorna en plena natureza que forma parte importante do mundo creativo de Cabuxa e ao que acudimos como unha ventá aberta á inspiración. Aquí os rapaces interactúan cun novo escenario que en moitos casos lles resulta totalmente alleo; teriades que ver as caritas de sorpresa cando descobren que os cacahuetes -que moitos só viran no supermercado- brotan da terra, ou cando imos recoller os ovos do curral, as xudías, as mazás e cabazas… Unha experiencia educativa moi enriquecedora coa que os máis pequenos adquiren coñecementos de compromiso e responsabilidade que estamos seguros sempre recordarán.

Se vós tamén queredes gozar como nenos, convidámosvos a que no voso paso por Tui, Galicia, fagades unha parada no mundo creativo de Cabuxa onde vos mostraremos o noso proceso artesanal -recoñecido co seloArtesanía de Galicia”– xunto coa zona de exposición e venda do obradoiro. Unha experiencia única para coñecer desde dentro a arte na pel. Podedes concertar cita nos teléfonos: 986 629 197, 606 759 454 ou no correo electrónico [email protected].

Benvidos á orixe.
Benvidos ao mundo Cabuxa.