Son días de incerteza nos que asistimos atónitos a unha realidade para a que nada nin ninguén estaba preparado. O tempo parece deterse e aprendemos a contar os días en estatísticas, porcentaxes… e rolos de papel hixiénico. Mentres tanto aí fóra, a natureza segue o seu curso en plena efervescencia primaveral. Un paradoxa que nos fai reflexionar e comprender que noso día a día estábanos privando de algo moito máis importante que as nosas tribulacións domésticas: a vida en liberdade. Fixo falta parar máquinas, industrias e fábricas, suspender transportes, limitar movementos e rutinas que antes nos parecían vitais para darnos conta que nas nosas mans está recuperar o que realmente é importante, o valor da emoción e o afecto sincero. Iso que supostamente nos diferencia do resto de seres vivos e perderamos, a natureza estánolo devolvendo ás alancadas.
Hoxe máis que nunca estamos a recuperar o contacto cos nosos dedicándolles -e dedicándonos- un tempo que antes simplemente ocupabamos en subsistir, descubrimos a auténtica empatía pola dor allea e experimentada a solidariedade en maiúsculas de quen en moitas ocasións nin coñecemos. O noso mundo púxose patas para arriba para darnos a valiosa oportunidade de reinventarnos e para que cando isto pase -que pasará-, salgamos á vida máis fortes, máis sabios e conscientes, máis humanos. Mentres tanto, é tempo de parar e quedarnos na casa, de pospoñer citas e compromisos, de gardar bicos, abrazos e caricias, de escribirnos palabras de ánimo e sentir que agora máis que nunca todos e todas estamos a unha.
É tempo de proximidade na distancia. Desde Cabuxa queremos transmitir a todos e cada un dos nosos amigos, clientes, provedores, colaboradores (artistas) y puntos de venda unha mensaxe positiva de forza e enerxía. Moi pronto volveremos vernos. A nosa tenda en liña continúa activa coas restricións propias desta situación, e no obradoiro a vida e a creatividade seguen o seu curso.
O noso máis sincero sentimento de solidariedade con quen máis sofren e grazas infinitas aos que o dais todo por axudar aos demais. Todo vai saír ben. Como dicimos por aquí “nunca choveu que non escampara”.Ánimo e moita forza!
#ficanacasa
#forzaesentidiño
#todovaisairben
#nuncachoveuquenonescampara