Cabuxa

Portada LAS DOCE EN PUNTO

LAS DOCE EN •, a nova colección CABUXA

Hai momentos que marcan un cambio. Instantes que separan o que remata daquilo que está a piques de comezar. As doce en punto é un deles: o momento exacto no que unha hora chega á súa fin e comeza outra.

Desta idea nace LAS DOCE EN •, a nova colección de CABUXA para Outono–Inverno 2026/27. Unha proposta de xoiería creativa e contemporánea que leva á pel a imaxe dun reloxo marcando as doce, a través de formas xeométricas e unha paleta de brancos, grises e negros.

O propio nome forma parte do deseño. En LAS DOCE EN •, o punto convértese nun elemento gráfico xunto co círculo e as agullas do reloxo, construíndo unha imaxe sinxela e recoñecible.

Para desenvolver graficamente esta idea contamos coa colaboración de Aida Alonso. A partir da proposta de CABUXA, Aida creou a ilustración que despois trasladamos á nosa materia prima: a pel.

Como sucede coas ilustracións que forman parte das coleccións de CABUXA, estampamos a imaxe de forma permanente sobre a pel e traballamos a partir dela para crear cada peza.

A pel, protagonista da colección, combínase con aluminio e aceiro cirúrxico de grao 316, ambos en negro. O aluminio forma os aros e asas que estruturan as pezas, mentres que o aceiro cirúrxico está presente en cadeas, peches, ganchos e outros elementos de unión. O seu acabado negro intenso conséguese mediante electroforese (E-coating), un proceso que proporciona un acabado uniforme e resistente. Polas súas características, é ademais especialmente axeitado para persoas con pel sensible.

A colección reúne nove referencias: tres colgantes, catro modelos de pendentes e dous broches, todos desenvolvidos a partir dunha mesma linguaxe gráfica.

Unha colección na que o deseño, a pel e o traballo artesanal se encontran para dar forma a unha idea: ese instante preciso no que algo remata e algo novo comeza.

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.