Cabuxa

A intemporalidade de Yoshiro Tachibana na nova colección Cabuxa

Hai obras de arte que transcenden a súa valía artística, histórica e sociocultural para acabar transformadas en iconas do noso tempo, grandes obras clásicas que hoxe vemos estampadas en souvenirs ou convertidas en protagonistas de memes e parodias. Un ‘privilexio’ que a cultura popular só concede aos clásicos da arte. Existen, porén, outras pequenas-grandes obras que, afastadas do poder mediático, emocionan máis alá de modas e tendencias, gardando intacta a pegada do seu creador.

Yoshiro Tachibana, ‘Nino’ (Kobe, 1941 – Muxía 2016) é un deses creadores descoñecidos para o gran público cuxa traxectoria artística traspasou linguaxes, fronteiras e sensibilidades. A poesía pictórica da súa obra, cun lugar destacado na nosa Galería de Artistas, inspirounos no deseño e creación de coleccións tan memorábeis como ‘Nordic Varen’ (esgotada na nosa tenda en liña).

Hoxe celebramos a beleza e intemporalidade da obra de Yoshiro Tachibana e sentímonos honrados de poder presentar ‘Pobo escalonado’, a nova colección Cabuxa de bolsos, complementos e unha selección de accesorios e bixutería en prata e pel. A deliciosa composición pictórica do artista nipón inunda de plasticidade e cromatismo cada unha das pezas que confeccionamos de forma artesanal no noso obradoiro. Sobre unha elegante pel cor mostaza, moi suave e maleable, bolsos de estilo revival como o tipo ‘bomboneira’,o práctico modelo ‘urbano’ ou o imprescindíbel bolso porta documentos convértense en inesperados complementos que ‘exudan arte’. Así, esta obra de inspiración xeométrica e pinceladas suaves, tons vivos e unha fascinante luz optimista, reprodúcese fielmente sobre a pel preservando en todo momento o seu tacto e durabilidade orixinais.

‘Pobo escalonado’ é a nosa particular homenaxe á auténtica intemporalidade de artistas que, como Tachibana, nos demostran unha vez máis, que a arte pode adquirir moitas formas e mesmo converterse en complementos cos que descubrir a beleza que nos arrodea. Nós estamos convencidos. Convidámosvos a coñecer en www.cabuxa.com unha pequena mostra da obra póstuma deste artista universal a través da nova colección Cabuxa.

• www.yoshirotachibana.com •