Na nosa traxectoria como artesáns da pel, compartimos experiencias e coñecementos con colegas de profesión, con artesáns doutros oficios tradicionais -’zoqueiros’, ourives, encadernadores,…– e, como non, cos artistas que ilustraron as nosas pezas e que hoxe forman parte da Galería de Cabuxa. De todos eles gardamos un enorme recordo de aprendizaxe, colaboración e sinerxia creativa.
Movidos pola nosa vocación de difusión da Arte contemporánea e a promoción de novos valores, no ano 2010 asinamos un acordo de colaboración con estudantes de EASD Pablo Picasso (A Coruña) e a Facultade de Belas Artes de Pontevedra. A innovación e creatividade destes alumnos quedou tatuada na pel de coleccións, bolsos, carteiras e distintas pezas de marroquinería que baixo o selo artesán de Cabuxa, serviu para dar un pequeno impulso á proxección artística das súas carreiras. Foi unha etapa chea de dinamismo creativo na que compartimos un proxecto común de traballo e cuxas pezas tiveron notable presenza en feiras internacionais como Visioni en Florencia. En Cabuxa encántanos comprobar que a paixón polas distintas disciplinas artísticas daqueles artistas noveis se converteu nunha firme e máis que merecida consolidación profesional Olalla, David, Lara e Julia son só algúns daqueles antigos alumnos dos que gardamos un enorme recordo e que hoxe vos presentamos.
- Olalla Castro (Lugo, 1989) Licenciada en Belas Artes pola Universidade Politécnica de Valencia, ilustrou a colección ‘Poison in the rain’ (descatalogada). Tras o seu paso pola Universidade de Hungría e o Instituto de Tecnoloxía de Beijing (China), Olalla combinou exposicións individuais con colaboracións artísticas. Desde o ano 2012, xunto coa artista romanesa Nicoleta Moise, centra a súa actividade nun interesante traballo multidisciplinar que estes días se pode visitar no Mosteiro de Bonaval de Santiago de Compostela. Baixo o título ‘De como non casar. How not to get married’ a exposición defínese como ‘un itinerario gráfico, audiovisual e performativo no que supersticións, rituais e tradicións relacionadas con Galicia son interpretadas de novo’. Portfolio de Olalla Castro
- David Álvarez Honrubia (Ponferrada – Lugo, 1986). Ao finalizar os estudos de Ilustración Gráfica na Escola de Arte Pablo Picasso da Coruña, David focaliza a súa versatilidade artística e capacidade creativa na arte da tatuaxe á que na actualidade se dedica de forma profesional. Na súa colaboración con Cabuxa ilustrou ‘Black cat’, un deseño impactante e minucioso que reproducimos nunha pel moi suave tinguidada en negro para unha colección (descatalogada) de bolsos, libretas, portadocumentos e accesorios. Instagram de David Honrubia
- Julia Aguiar Marcos (A Coruña). Tras o seu paso polas facultades de Belas Artes de Valencia e Turquía, e os seus estudos de Ilustración na Coruña, na actualidade centra a súa actividade profesional nas artes plásticas, especialmente no retrato figurativo de xenerosas pinceladas e factura contemporánea. Súa é a preciosa ilustración da nosa colección ‘Toulouse Lautrec‘ (descatalogada) que tatuamos na pel de bolsos, carteiras, pezas de escritorio e marroquinería. Behance de Julia Aguiar
- Lara Torres Rodríguez (1989, Rianxo – A Coruña). Técnica Superior en Ilustración pola EASD Pablo Picasso da Coruña e Graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, ilustrou a colección ‘África’ (descatalogada) formada por bolsos bomboneira, bandoleiras, axendas e unha selección de accesorios que elaboramos de forma artesanal. Aínda que de formación pictórica realista, Lara sempre foi unha apaixonada da ilustración infantil e xuvenil, unha paixón que desenvolve en ilustracións para contos como ‘O Cataventos’ (editorial Urco), de recente publicación. Web de Lara Torres
- Ana Castiñeiras, Iria Pardo, Paco Quintas, Álvaro Justo, Laura Fajardo e tantísimos outros artistas deixaron unha pegada inesquecíbel en Cabuxa. Aínda que resulta imposíbel nomealos a todos, a frescura creativa das súas ilustracións quedou tatuada na pel de omplementos, bolsos, pezas de escritorio, marroquinería,… que anos despois se manteñen tan indelebles como o primeiro día.