O poeta estaba no certo. A infancia é o ensaio xeral do que virá despois, un territorio persoal e irrepetible onde as experiencias e a aprendizaxe sementan o camiño do adult@ que hoxe somos. A infancia é nosa verdadeira patria (Rainer Maria Rilke, poeta y novelista, 1875-1926).
Preguntarédesvos por que falo da nenez nun blog sobre complementos e artesanía en pel. A resposta é tan simple como vital, e é que como artesá e creadora da marca Cabuxa, entender de onde me ven la querencia por lo feito a man fai que bote a vista atrás para volver ás miñas raíces e honrar a aprendizaxe non só dun oficio, senón sobre todo, dunha forma de entender a vida: a que aos meus irmáns e a min ensináronnos os meus pais. Os meus recordos de infancia están impregandos en salitre e area da praia de Patos desde a que -como calquera neno da época no pobo de Panxón- viamos regresar aos mariñeiros do seu xornal entre o revoloteo axitado das gaivotas que aunciaban a pesca obtida. O meu pai era un deses homes. Cada día amencía no mar co seu “caíca”, unha pequena barca de madeira que construíra coas súas propias mans sen máis experiencia
que a observación e a súa propia tenacidade e enxeño. O mesmo enxeño que o levou a crear case calquera cousa: desde os nosos primeiros zapatos coa pel dunhas botas desgastadas, ata barquitos a escala con vellas tablillas, cadeiras e xoguetes de madeira e mesmo a nosa casa familiar que ladrillo a ladrillo, levantou con moito esforzo e a axuda da súa mellor compañeira, a miña nai. Os meus pais eran un tándem perfecto que se compenetraban ata para repartir papeis á hora de traernos ao mundo: a miña nai ocupouse de xestarnos e cando chegou o momento, ao meu pai non lle tremeu o pulso para facer o que sempre dicía que fora o seu mellor traballo, ser matrona no parto dos seus fillos. Eran outros tempos.
A habilidade da miña nai para tecer e coser con retales fixo que a miña irmá e eu estreásemos vestiditos de lazos e bordados os días de fiesta. Lembro as tardes enteiras debuxando mentres ela volvía das faenas no campo para corrixir unha e outra vez as entretelas ata dar a súa visto e prace; a súa constancia e perfeccionismo en todo o que facía eran tan inspiradoras e contaxiosas como o seu innato gusto pola lectura e unha enorme curiosidade por aprender. Crecín nunha contorna no que a capacidade de crear da nada foi sen sabelo a miña mellor escola, a creatividade no seu estado máis puro. Moitos anos máis tarde esa aprendizaxe forxaría a miña forma de vida, porque aínda que desde moi nova souben que o debuxo e facer cousas coas mans seran o meu, non tiña moi claro que camiño tomar.
Despois de ilustrar murales en bares e cafeterías, o meu espírito rebelde levoume a deixar os estudos para descubrir por min mesma que quería ser de maior… Con apenas 18 anos, moitas ganas e algún diñeiro aforrado con traballos esporádicos emprendín, con gran desgusto dos meus pais, a miña particular viaxe iniciática polo sur de España onde descubrín a vibrante vida artística de finales dos anos 70 e a súa imparable experimentación creativa.
Os meus primeiros cadros rueiros vendinos nas prazas de Alacante desde onde viaxei á cidade de Granada para coñecer o oficio do coiro da man de artesáns itinerantes. Recoñezo que esta primeira incursión no bico dos pés polo mundo da curtición artesanal e da pel espertoume un gran interese, con todo o meu adestramento creativo habería de dar unas cantas voltas máis: primeiro cunha breve etapa polo grabado en metal, traballo que compaxinaba cos meus primeiros primeiros pasos en coiro, e despois con estudos de talla en madeira e restauración cos que puiden ampliar os meus coñecementos sobre o mundo do Arte e redundar na marabilla que é o traballo artesanal. Ao finalizar as prácticas na capela de san Telmo de Tui co mestre Ignacio Márquez -recoñecido restaurador e autor entre outras, da recuperación dos retablos da catedral de Tui-, traballei baixo a dirección de Plácido Méndez na rehabilitación de distintas igrexas de Goián (Pontevedra). En todo este tempo, o modelado en coiro sempre estivo aí, experimentando de forma autodidacta as súas posibilidades creativas, estudando e debuxando bosquexos, imaxinando accesorios; cando entendín que a oferta laboral no mundo da restauración era limitada, sentín que era o momento devolver á pel.
Tempo despois nacería Cabuxa,e con ela un universo creativo de pezas de pequena marroquinería, bolsos, pezas únicas, feitas a man, e máis recentemente a nosa colección de xoias en pel e prata.
A través desta pequena viaxe polos anos doces da nenez e mocidade redescubro as miñas orixes para constatar que potenciar a creatividade e imaxinación dos nenos con xogos e ferramentas construtivas é fundamental para estimular as capacidades individuais. A infancia é a nosa única patria decía Rilke, ese espazo persoal ao que regresar cando nos facemos preguntas e obtemos respostas tan certeiras como que “o que somos” empezou a xerminar nesa etapa tan intensa como fugaz. E aínda que é posible que exista un xene artístico no ADN de quen nos dedico ao mundo da creatividade, estou convencida de que “o artista non nace, faise” con traballo e unha curiosidade incombustible por aprender. Facilitar os leitos dos artistas e artesáns do mañá cunha formación regrada, accesible e profesional é responsabilidade de todos, só así poderemos preservar a nosa cultura e as nosas raíces… Pero esta xa é outra historia, a do próximo post.