A miúdo pedídesnos consello para o coidado do voso bolso ou peza en pel Cabuxa, e aínda que na nosa tenda en liña incluímos unha serie de coidados básicos, non está de máis lembrar algunhas indicacións. É certo que a pel de calidade envellece perfectamente, incluso podería parecer que ao ser un material nobre e resistente non necesita atención. Porén, hai que coidala se queremos manter a flexibilidade, ton e suavidade orixinal.
A regra de ouro no mantemento da pel e o coiro resúmese en limpeza e hidratación. Para limpar os nosos accesorios e complementos en pel abonda con aplicar pequenos e suaves movementos circulares cun pano de algodón branco humedecido e outro seco para despois acabar de secar ao aire. Nunca uses o secador ou calquera outra fonte de calor e esquece as toalliñas de bebé ou a auga directa xa que as fibras de coláxeno da pel se contraerían, volvéndose ríxida e quebradiza. É moi recomendable hidratar unha ou dúas veces ao ano con produtos específicos pero evita sempre os que conteñen siliconas, petróleo e derivados; un truco, ¡a Nivea de toda a vida vai estupenda!
Xunto cunha limpeza periódica e hidratación, prolongar a vida do teu bolso, carteira, mochila ou calquera outra peza de pel é moi sinxelo con estes consellos:
- Revisa o interior: ¿De verdade necesitas levalo tan cargado? Se alixeiras peso, as asas do teu bolso -e a túa espalda- agradecerano.
- Nunca colgues o bolso cando estea cheo: O peso podería acabar deformándoo.
- Coidado con produtos de maquillaxe, perfumes, bolígrafos: Mantenos sempre ben pechados para evitar manchar o forro interior xa que o líquido podería traspasar penetrando profundamente na pel.
- Para gardalo de forma correcta, faino sempre na funda que adxuntamos e en espazos secos sen luz solar directa así preservarás as cores orixinais. Valeira todos os petos e enche o interior con papel cebola para que non se deforme (esquece o papel de xornal xa que a tinta podería acabar manchando o interior). E un último consello, nunca o dobres ou o apiles con outras pezas; se os organizas ben, evitarás que perdan a súa forma orixinal.
Todas as nosas pezas son confeccionadas unha a unha de forma artesanal, con acabados e ilustracións estampadas de forma indeleble sobre a pel, que as fan únicas. Se ao deseño, calidade e durabilidade das nosas coleccións e accesorios lle sumamos estes sinxelos coidados, terás un Cabuxa, durante moitos anos, tan bonito como o primeiro día.




