Cabuxa

Unha breve ollada á historia da curtiduría en Galicia

Comezamos un ano novo e con el as felicitacións e os maratóns de bos propósitos que -inevitabelmente- todos nos facemos. Mentres tanto no noso obradoiro apuramos os últimos detalles para que os agasallos encargados polos Reis cheguen a tempo; os nosos bolsos, libretas, carteiras, portadocumentos e accesorios en pel chegarán a moitos fogares, e con eles un anaco do valor artesán galego que respira un oficio con máis de tres séculos de historia.

Unha historia hoxe case esquecida que -como propósito de ano novo en Cabuxa quixemos recuperar de forma breve neste post. Porque aínda que hoxe non somos conscientes, o vello oficio da curtiduría na nosa terra foi de enorme importancia para o impulso da labranza (arneses, correas, atalaxes), a albardaría (cinchas, selas de montar, albardas, alforxas), guarnicionaría (cartucheiras, bolsas, maletas) e a fabricación de obxectos de uso común: vestimenta, calzado, pezas de estanqueidade para embarcacións, correas de transmisión… Nunha época (mediados s. XVII) onde as aldeas carecían de case todo, o oficio do coiro fíxose indispensábel e desenvolveuse intimamente ligado ao mundo rural para atender as necesidades de ferramentas e en non poucas ocasións, como complemento aos ínfimos ingresos dos labregos. A actividade do curtido estendeuse por toda Galicia especialmente en zonas do sur e interior como Cea e Allariz, en Ourense; Noia e Santiago en A Coruña; Vilalba e Chantada en Lugo e Soutomaior, Vilagarcía e Tui na provincia de Pontevedra.

Cara ao século XVIII aparecen en Galicia as primeiras fábricas de curtidos como resposta á crecente demanda do mercado rural e cada vez máis ás necesidades doutras industrias. A centralización de todos os procesos, a especialización e profesionalización do oficio xunto coa contratación regulada de traballadores asalariados, foron decisivos para o impulso da curtiduría en Galicia que cara a 1857 sitúase como a primeira produtora na elaboración de produtos derivados do coiro.

Aqueles primeiros asentamentos dispersos e rudimentarios evolucionaran de forma gradual en modernos centros especializados que no século XIX se converteron en referentes da actividade industrial no noso país. Anos máis tarde, coa chegada de peles das colonias americanas independizadas, a competencia crecente e os distintos conflitos civís do século XX, ralentizouse a modernización das curtidurías en Galicia até o seu total detrimento.

Na actualidade son moitas as referencias a aquela florecente industria que podemos atopar en pequenos pobos do rural galego. lgunhas vellas curtidurías como a fábrica de La Florida en Neda (A Coruña) e a fábrica de San Isidro ou Nogueiras no concello de Allariz (Ourense) foron reconstruídas. Precisamente esta última alberga o afamado Museo do Coiro e un obradoiro artesán de marroquinería, un espazo de referencia nos encontros do sector do coiro que reúne a artesáns de todo o mundo. Hoxe constitúen o patrimonio dun oficio centenario cuxa memoria e tradición continúan vixentes en obradoiros artesáns que como Cabuxa foron recoñecidos co selo “Artesanía de Galicia”.