Cabuxa

A poesía pictórica de Yoshiro Tachibana na colección Cabuxa

Quen o visitou, conta que Xapón e Galicia son coma eses irmáns afastados que, a pesar da distancia, manteñen a súa esencia. Ambos lugares comparten un clima húmido e fértil que favorece especies tan “icónicas” como a camelia ou a cerdeira. Tamén coincide o respecto polas tradicións, a veneración polos maiores e un modo moi particular de entender a espiritualidade e, como non!, o amor incondicional pola cociña tradicional, natural e sen artificios… Quizais foi esta suma de “coincidencias compartidas” as que trouxeron a Yoshiro Tachibana, o artista e poeta do sol nacente, ata terras do sol poñente. Concretamente ao “finisterrae” galego. No pequeno pobo de Muxía (A Coruña), Nino —como todos o coñecían— atopou a paz e a harmonía vital que buscou durante anos por medio mundo.

Ninguén desaparece do todo mentres se lle lembre, por iso —a poucos días do primeiro aniversario do seu pasamento (Kobe,1941 – Muxía 2016)— queremos dedicar esta entrada ao amigo e artista que pintaba “para aqueles que saben apreciar a luz e a harmonía”. Porque para Yoshiro, a pintura era felicidade, equilibrio e harmonía. Yoshiro era un animista, a súa arte nacía do interior e proxectábase cara ao exterior cunha mística marabillosa que tiña como inspiración a natureza; as paisaxes suaves e verdes de Galicia influíron na súa obra como un estado de ánimo. As súas composicións aludían a un plantexamento holístico da vida que expresaba a partir de árbores, animais, formas orgánicas, luces… e personaxes onde a feminidade era protagonista. “A muller é luz. Por iso retrato moito o carácter feminino nos meus cadros”.

Para coñecer a Nino había que subir ao monte Corpiño, un entorno rochoso que el mesmo transformou nunha incrible floresta. Na súa casa minimalista respirábase a mesma paz que destilaba o seu sorriso tranquilo; alí, rodeado das súas obras, namorámonos da súa poesía pictórica e Nordic Vàren (‘Primavera Nórdica’, froito da súa estancia no país), resultou ser unha composición perfecta para estampar de forma artesanal sobre a pel. O equilibrio entre a serenidade da paisaxe e a vibrante paleta de cores —na que se aprecia a súa admiración pola obra de Klee—, protagoniza unha colección de edición limitada que elaboramos nunha suave pel de tons violetas. A colección Nordic Vàren está composta por unha vintena de pezas entre as que destacamos o bolso bomboneira “Abril”, o bolso “Urbano”, o bolso “Cabuxa” e a carteira portadocumentos, unha peza única que, como o resto dos accesorios, pequena marroquinería e pezas de escritorio, todas levan a sinatura do artista e están distinguidas co selo “Artesanía de Galicia”.

Dicía Nino, “antes de morrer, a miña meta é ser máis libre para lograr pintar como un neno”. Nós sempre o lembraremos así, libre, máxico, irrepetible…